Danny McBride dirixirá a nova de G.I. Joe

13

O actor de comédias e guionista Danny McBride dirixirá a próxima película de G.I. Joe, baseada na franquía de xoguetes da Hasbro para a Paramount Pictures. McBride, que se autodescribe como un grande fan da propiedade, tamén escribiu o guión.

Esta é a primeira nova película de G.I. Joe baixo o novo réxime de Paramount Skydance e chega cando a propiedade intelectual está a ser reactivada despois do fracaso de Snake Eyes en 2021, que recadou só 40 millóns de dólares.

Aínda que McBride ten experiéncia na tele, onde dirixiu vários episódios de séries, esta nova película de G.I. Joe será o seu debut como director de longametraxes. Porén achega unha séria paixón por G.I. Joe ao proxecto: “Sen dúbida eran os debuxos animados e os cómics. G.I. Joe era o meu forte de cativo. Gustaba-me máis que Star Wars, máis que calquera outra cousa. Encantaba-me G.I. Joe. Aínda conservo todos os personaxes. Intentei dar-lle a miña colección de G.I. Joe ao meu fillo, e non se interesou. Sabes quen está interesado? A miña filla, á que lle gustan os robots. Esa é a que xoga con Gung-Ho e Snake Eyes“.

En canto aos detalles da história, McBride engadiu: “Estás a seguir a Duke e a un grupo doutros Joes. Hai esa cidade nos cómics, Springfield, que é unha cidade que en segredo é toda Cobra. Alí é onde se desenvolve a nosa película. Tamén temos xente bastante interesante facendo cola para estar nela. Non quero adiantar-me, pero seica vai ser bastante divertida“.

A franquía de G.I. Joe é arestora unha alta prioridade para a Paramount. O primeiro intento de pasar os xoguetes para acción real foi G.I. Joe: The Rise of Cobra en 2009, dirixida por Stephen Sommers. Recadou 302 millóns de dólares cun orzamento de 175 millóns, pero chegou cando o Universo Cinematográfico Marvel estaba aínda en plea auxe, así que a competéncia era forte.

Despois estreou-se G.I. Joe: Retaliation, dirixida por Jon M. Chu en 2013, protagonizada por Dwayne Johnson e que intentou un reinício da franquía. Recadou 376 millóns de dólares, pero as entregas posteriores estancaron-se.

A propiedade intelectual experimentou un rexurdimento nos últimos anos coa editora Skybound dando nova vida aos cómics cunha série supervisada polo creador de Walking Dead, Robert Kirkman.