A Paramount planea unha nova Elm Street

12

A Paramount Pictures pechou un acordo para facer unha nova versión da popular franquía de terror A Nightmare on Elm Street de Wes Craven que se lanzará a través do seu novo selo de xénero Paramount Primal.

O acordo é polos dereitos nos Estados Unidos do guión orixinal de Craven para a primeira película de 1984, que deu comezo a unha franquía de oito filmes en total, dos cales polo menos dous están moi ben considerados pola crítica, xunto cun remake mal acollido en 2010.

Os produtores J.D. Lifshitz e Raphael Margules (Barbarian) lideran o novo selo e serán os produtores executivos. A viúva de Craven, Iya Labunka, e mais o seu fillo Jonathan Craven, producirán xunto con Marc Toberoff.

A New Line Cinema posuía até agora todos os dereitos da franquía, pero a lei de dereitos de autor nos Estados Unidos permite aos autores recuperar os dereitos 35 anos despois da primeira publicación. Os herdeiros de Craven recuperaron os dereitos do guión en 2019, pero a New Line conserva os dereitos internacionais.

Descoñece-se en que consistirá esta nova versión, máis aló de que estará “ambientada no mundo de A Nightmare on Elm Street, baseada no guión orixinal“. Nun comunicado, Labunka chama-o o “próximo capítulo da história de Pesadelo“.

Lifshitz e Margules din que é unha “nova história” neste mundo, e que isto será un “novo pesadelo arrepiante” para “lle dar a benvida a Freddy a casa“.