A Disney ven de anunciar oficialmente que o novo corte do director, nunca antes visto, e con clasificación para maiores de 18, da película The X-Files: I Want to Believe (2008), estará dispoñíbel en streaming o mes que vén.
O director Chris Carter adiantara esta nova versión por primeira vez hai un ano cando apareceu no podcast de David Duchovny, Fail Better, dicindo que ao crear a película a “fixera demasiado terrorífica” e tivo que recurta-la para a súa estrea co fin de obter unha clasificación para maiores de 13 anos.
Porén case vinte anos despois, dixo: “Agora teño a oportunidade de volver atrás e facer a película de medo que sempre tiven intención de facer“. O resultado é unha nova versión titulada The X-Files: I Want to Believe Vrach Frankenshteyn que se estreará na Hulu o 14 de agosto.
“Vrach Frankenshteyn” é o termo en ruso para Dr. Frankenstein, unha alusión tanto á natureza improvisada do novo corte como á trama xeral da película, que inclúe unha história inspirada en Frankenstein con órganos recollidos e transplantes de corpos humanos.
Seica a nova versión “restaura fielmente a visión orixinal do cineasta“, segundo o anúncio da Disney. A estrea en streaming anunciou-se por primeira vez en xuño, pero non apareceu por mor de “axustes de última hora” que aínda lle faltaban por facer a Carter, quen polo momento non deu a coñecer exactamente en que consisten os cámbios realizados.














