Un accidente que remata cunha morte á que relacionan con estraños seres fantásticos é o comezo da nova novela de Lionel Rexes (1971), As donas da noite (2025) que vén de gañar o X Concurso Balbino de Relatos. O currículo literario de Rexes, veciño de Alfoz, deixa claro de xeito sobranceiro que ten todas as calidades necesarias para ser un narrador máis que solvente, disto dan proba os diferentes premios que obtivo ó longo dos últimos anos: o Premio “Manuel Lueiro Rey” por A raíña das velutinas (2017) e o mesmo recoñecemento en 2021, con A montaña do poeta. Tamén gañou recentemente o “Neira Vilas de Novela Curta” en 2024 por Nove Lúas, e ese mesmo ano, quedou finalista do Premio “Irmáns Vilar Ponte” pola obra O terceiro desexo.
Certamente poderiamos deternos noutros recoñecementos que acadou o autor, así como na faceta investigadora e divulgativa en torno á tradición da súa zona de residencia, que desempeña no Seminario de Estudos do Valadouro. Porén, As donas da noite, novela que acaba de publicar en novembro do 2025 Edicións Fervenza e que o fixo gañador do galardón fronte a unha vintena de presentados, ben merece que nos paremos a deleitarnos con ela.
O argumento da novela é aparentemente sinxelo: un grupo de dous mozos e dúas mozas, todos estudantes na cidade, acoden á casa familiar dun deles na Redromeira, unha poboación rural de localización indeterminada, para desenvolver o proxecto de poñer en marcha un sindicato estudantil. Acabados de chegar, descobren un accidente nun camiño da aldea que se salda coa morte do condutor. Un dos concelleiros do lugar, Saúl, encargado de instruír ós mozos nas bases da militancia sindical, acaba por contarlles que na zona teñen sucedido acontecementos misteriosos e inexplicables, relacionados con forzas do alén e criaturas a medio camiño entre a lenda, a fantasía e o telúrico, e que esa traxedia tampouco é un evento accidental.
Así pois, os estudantes acaban establecendo fortes lazos con veciños da zona, da cal Rexes, a medida que avanza a trama, aporta nomes concretos (O Castro, Carrocide…) e que, sen dúbida, corresponden a lugares precisos do concello de Alfoz. Mediante descricións sucintas de situacións e personaxes, ás veces irónico e outras comedido, o autor trasládanos á típica taberna de parroquia aldeá, lugar de encontro (tal e como segue sucedendo hoxe en día) onde os protagonistas sacian as súas ansias de coñecer a verdadeira historia do lugar.
Serán os propios veciños os que acaben facendo pequenos aportes que van comunicar, a contagotas, toda a trama: a causa da morte do tractorista, así como outras desgrazas no lugar, procede das donas da noite. Aludindo ó antigo substrato precristián da cultura galega, son definidas como unhas criaturas que toman represalias se non se cumpren uns códigos non escritos: ninguén pode arrebatarlle á terra o que lle pertence. Así, das donas da noite (que necesariamente non tiñan por que ser seres malignos) ficou o simbolismo relacionado coa numeroloxía e as ciencias ocultas.
Aínda que algúns dos estudantes se amosan escépticos por pensar que se trata tan só dunha superstición local, pronto o lector se ve envolto, igual ca eles, nunha aura de misterio que desexa rapidamente resolver, froito, claro, dos recursos dos que bota man Lionel para recrear unha sorte de máxica ambientación: néboa, noite, escuridade, ouveos, congostras que conducen a antigas fortalezas. Outras veces, o uso repetido da elipse que, se ben é un procedemento moi atinado para a trama, obriga constantemente ó lector a suplir a información que o narrador non aporta. Con seguridade, unha estratexia máis para afondar no descoñecemento, que provoca á vez desexos de saber máis.
Acabarán descubrindo así a importancia no devir da aldea dos curros de bruxas e do anel das fadas, o significado das nove desgrazas do circo das camposas, a relevancia das circunferencias de fungos na herba e a estraña iluminación que procede dos montes nas noites pechas.
Malia que en ocasións poida parecer unha novela máis ben xuvenil, un dos puntos fortes que hai que concederlle é que, a pesares do elemento fantástico, semella verosímil. Esta verosimilitude procede da maneira destacada na que Rexes é capaz de retratar a vida dunha aldea galega do século XXI, a maneira de falar dos personaxes, os modos de proceder, as diferenzas entre os rapaces da cidade e a veciñanza da Redromeira, así como a paisaxe, o carácter tipicamente galego (a hospitalidade, a retranca, a simbiose coa natureza, a raíz telúrica). Todo isto queda retratado nos diálogos e descricións de xeito perfectamente elocuente, de maneira que se observa un principio de identidade galega que articula a novela e lle dá consistencia.
Tras chegar ao final da historia poderíamos aventurarnos a dicir que algúns fíos temáticos que se foron abrindo non se pecharon ou non conduciron a ningures, mais é preferible pensar que, quizais (quen sabe) poidan continuar nun futuro. O lector remata por anhelar un desenlace claro: non só non se resolven as relacións sentimentais ou afectivas entre os personaxes, senón que tampouco queda claro se continuarán as traxedias na Redromeira por non respectar as leis máxicas das donas da noite, mais nesta dicotomía é onde reside o fantástico potencial desta novela: no velado, no que só se deixa entrever.











