Gil Gerard, o actor a quen todos os fans do xénero fantástico recoñecen decontado polo seu papel como o heroe da série Buck Rogers in the 25th Century, morreu onte martes aos 82 anos de idade.
Gerard vivía en Georgia e finou despois dunha batalla contra “unha forma rara e brutalmente agresiva de cancro“, anunciou a súa muller, Janet, nun post nas redes.
En 1977, Gerard era un actor de comédias cando lle propuxeron protagonizar Buck Rogers in the 25th Century, unha série de televisión coproducida por Glen A. Larson na Universal Television. Baseada no popular personaxe dos cómics e nos filmes de 1939 protagonizados polo nadador olímpico Buster Crabbe, a divertida série de ciéncia-ficción comezou cunha película de 1979 desenvolvida tras o enorme éxito de Star Wars.
Ao principio, Gerard non estaba interesado no papel. “Vin o que lle fixo á carreira de Adam West con Batman, e este era outro personaxe de debuxos animados. Non quería facer estas cousas cursis“, dixo nunha entrevista en 2018. Porén, finalmente convenceron-o para que asinase, a película de Buck Rogers resultou ser un éxito, e foi reestruturada para servir como o episódio piloto de dúas horas da série.
Buck Rogers durou dúas tempadas e un total de 32 episodios até abril de 1981 antes de ser cancelada, pero a carreira de Gerard continuou ao longo doutros corenta anos, até 2016. Curiosamente, durante todo este tempo, só fixo outras dúas aparicións en producións de xénero: a breve série de televisión E.A.R.T.H. Force e no filme feito por fans Star Trek: New Voyages.
Gilbert Cyril Gerard, o mais novo de tres fillos, nacera o 23 de xaneiro de 1943 en Little Rock, Arkansas. En 1969 mudou-se a New York e estudou interpretación. Polas noites conducía un taxi para poder chegar a fin de mes, e nunha destas un dos seus pasaxeiros arranxou-lle unha audición para un papel no filme Love Story.
Durante moito tempo loitou contra o seu peso, e en 2007 apareceu no documental Action Hero Makeover, no que amosa como se somete unha cirurxía de bypass gástrico despois de chegar até os 167 quilos.
Gerard casou catro veces, incluída unha coa actriz Connie Sellecca. Ademais de Janet, coa que levaba casado 18 anos, entre os seus sobreviventes inclúe-se o seu fillo con Sellecca, Gib.
Nunha publicación nas súas redes sociais, Gerard escribiu: “A miña vida foi unha viaxe incríbel. As oportunidades que tiven, a xente que coñecín e o amor que din e recibín fixeron que os meus 82 anos no planeta fosen profundamente satisfactórios… Non perdas o teu tempo en nada que non che emocione ou che traia amor. Veremo-nos nalgures no cosmos!“.
















